A Asociación ecoloxista ADEGA impulsa a campaña #EuFicoNaCasaConADEGA consciente de estes días de corentena e confinamento polo COVID-19, moitos docentes, nais e pais, demandan recursos didácticos ou propostas de actividades educativas para realizar co seu alumnado vía online ou para desenvolver na súa casa coas crianzas.
ADEGA dispón desas ferramentas. Por iso, nesta páxina web terás libre acceso a unha chea de recursos educativos e divulgativos de carácter ambiental, pero tamén sobre temas do ámbito cultural ou social elaborados por ADEGA e por outras entidades e colectivos que amablemente responderon ao noso chamado e nos enviaron o seu material didáctico.
Atoparás recursos para toda a familia, para crianzas de primaria ou para mozas e mozos de secundaria, e en diferentes formatos: vídeos-obradoiro, fichas de identificación, fichas de exercicios, receitas de produtos ecolóxicos, etc. Son o que demos en chamar as Eco-ideas de ADEGA para pasar a corentena.
A difusión e o libre acceso a este material non ten en si unha finalidade curricular, senón servir de ferramenta de entretemento, de coñecemento e de concienciación socio-ambiental e cultural dos nosos nenos e nenas, mozos e mozas, e de nós mesmos.
Desde ADEGA pensamos que a crise do coronavirus é unha magnífica oportunidade, non só para pasar máis tempo coas nosas crianzas e cultivar novas formas de facer comunidade, senón tamén para reflexionar sobre como nos estamos a comportar co medio ambiente e co patrimonio colectivo, e como podemos combater desde a nosa casa, aldea ou cidade a outra gran crise (a principal) á que nos enfrontamos: a crise ecolóxica global.
Así que non agardes máis, e mergúllate nas propostas de #EuFicoNaCasaConADEGA e atopa o que buscas!